26/06/2026
A semana pasada participamos no 𝗘𝗻𝗰𝗼𝗻𝘁𝗿𝗼 𝗠𝗲𝗱𝗿𝗮𝗻𝗱𝗼 𝗫𝘂𝗻𝘁𝗮𝘀 𝟮𝟬𝟮𝟲 , unha iniciativa que impulsa o liderado feminino na Economía Social galega a través da formación, o acompañamento e a creación de redes entre mulleres que emprenden, cooperan e transforman o territorio.
Dende 𝗔𝘁𝗼𝘂𝗽𝗮 tivemos a oportunidade de formar parte da mesa de experiencias, compartindo o noso percorrido como cooperativa xunto a outras entidades comprometidas cun modelo económico máis participativo, sostible e centrado nas persoas.
Máis alá do encontro, Medrando Xuntas parte dunha idea que compartimos plenamente: cando as mulleres fortalecen as súas capacidades, amplían as súas redes e participan nos espazos de decisión, fortalécese tamén a Economía Social e o desenvolvemento dos nosos territorios.
Porque o liderado non consiste unicamente en ocupar postos de responsabilidade. Tamén implica crear comunidade, compartir coñecemento, acompañar outros proxectos e abrir camiños para que máis mulleres poidan participar, decidir e transformar.
Queremos felicitar tamén ás iniciativas recoñecidas nos 𝗣𝗿𝗲𝗺𝗶𝗼𝘀 𝗠𝗲𝗱𝗿𝗮𝗻𝗱𝗼 𝗫𝘂𝗻𝘁𝗮𝘀 𝗜𝗺𝗽𝘂𝗹𝘀𝗮 𝟮𝟬𝟮𝟲, que poñen en valor proxectos con impacto social, innovadores e comprometidos coa sustentabilidade:
🏆 Currunchiños de conciliación (FAGAMOS Asociación de Familias Galegas Monomarentais) , polo seu compromiso cos coidados, a conciliación e a igualdade de oportunidades.
🏆 Elefantes Rosas, por desenvolver un modelo de acompañamento que sitúa o fogar e a comunidade como espazos de autonomía, aprendizaxe e inclusión.
🏆 Tecendo Redes (Fundacion Erguete-Integracion), por combinar economía circular, inclusión sociolaboral e liderado feminino a través da recuperación de redes de pesca en desuso.
Parabéns ás entidades premiadas e grazas á organización por impulsar espazos que visibilizan o talento feminino, favorecen a intercooperación e contribúen a construír unha Economía Social máis forte, diversa e transformadora.