30/05/2026
Ruir é un "spin off", por dicilo dalgunha maneira, no que imaxinamos a vida dun personaxe secundario da peza de Sartre, o "garçon d'étage", que poderiamos traducir por "camareiro de piso". Este personaxe ocúpase, no texto orixinal de A porta pechada, de acomodar aos novos residentes do inferno no que se sitúa a acción da peza. Sartre danos pistas sobre ese lugar, e fala de corredores, escaleiras, e portas, que nos fan pensar na Biblioteca de Babel, de Borges, un espazo que replica a súa estrutura ata o infinito. Do mesmo xeito que Borges imaxina bibliotecarios en cada sección, nós imaxinamos camareiros de piso en cada corredor, que, por razóns que non semella necesario explicar, se reúnen e conversan. Ruir parte dun encontro entre dous "garçons" que discuten a recente chegada ao inferno dunha crianza moi nova, duns cinco anos. A aparente banalidade coa que tratan o asunto contrasta coa historia sombría e terrible que descubrimos.
Con Sonia Salgado e Lisa Vitorino en escena, coa colaboración de Venus Pavón Requejo, sobre un texto de Alberte Alonso posto en escena polo autor.
Ruir
4, 5 e 7 de xuño ás 20:00