08/03/2021
Exposición fotos “A outra metade da tradición”
Presentar unha exposición fotográfica dicindo que “o esencial é invisible para os ollos” podería parecer, cando menos, curioso ou incoherente. Pero o certo é que no caso do Entrudio e do resto das mascaradas de inverno as historias superan con moita diferenza calquera imaxe (e iso que hai fotografías excelentes!). De todos os xeitos, o obxectivo dunha mostra fotográfica non é só seleccionar aquelas imaxes con maior calidade ou visión artística, senón, sobre todo, transmitir unha sensación ou unha mensaxe.
“A outra metade da tradición” evoca a historia do Entrudio vianés (e tamén a doutros lugares con tradición de mascaradas de inverno) dende un enfoque que sitúa no seu centro á muller e que explora a súa implicación na festa ó longo dos últimos 70 anos. Dende un pasado no cal algunhas ousaron vestir os traxes reservados exclusivamente ós homes ata a participación actual, pasando por ese labor tan necesario da artesanía, coa confección dos distintos elementos que permiten a celebración da festa. Non podemos achegar todas as fotografías que nos gustaría, pero si que queriamos que quedasen representados a rebeldía, a paixón, o sacrificio, o traballo, a ilusión... E todo iso (con ou sen máscara) reflíctese nestas mulleres, que son espello doutras moitas.
Esta pequena homenaxe vai por elas, por estar sempre aí. Porque ás nosas tradicións faltáballes o merecido recoñecemento para esa outra metade: para elas, que tamén son pasado, presente e futuro da tradición. E para todos é un orgullo que así sexa.