20/08/2026
Xa pasaron unhas semanas . As suficientes para asimilar e poñer en orde todas as emocións vividas.
Rematou unha nova edición do Verbena Fest e, unha vez máis, deixástesnos sen palabras. ❤️
Son xa oito anos compartindo este camiño. Oito anos nos que cada edición supuxo un novo reto organizativo, técnico, artístico e económico.
E esta non foi unha edición calquera.
Este ano demos un paso moi importante: saímos do Meigallo, un lugar cunha maxia especial que sempre será a nosa casa. Fixémolo porque o recinto comezaba a quedar pequeno, porque queremos seguir apostando por artistas de primeiro nivel e porque necesitabamos un espazo que permitise mellorar as condicións técnicas, as montaxes e os cambios entre concertos.
Mirando atrás, a valoración non pode ser máis positiva.
Foron meses de traballo, preocupacións, nervios, imprevistos e cambios de última hora. Pero tamén vivimos momentos inesquecibles e desfrutamos coma nenos vendo como todo cobraba sentido.
Grazas a todas as bandas polas súas actuacións espectaculares. Pero, sobre todo, grazas a vós.
Sodes a verdadeira razón de ser do Verbena Fest. Sen o voso apoio, confianza e ganas de vivir a música, nada disto existiría.
Este proxecto naceu e segue medrando por e para Sarria e a súa xente. Porque somos uns apaixonados da música e cremos que a nosa vila merece g***r de artistas de primeiro nivel sen ter que marchar lonxe da casa.
Queremos seguir creando ese ambiente que nos define: un lugar no que pais, nais, fillos, avós, amigos e diferentes xeracións compartan música, festa e momentos inesquecibles.
E, por último, grazas de corazón a todos os patrocinadores e colaboradores. Cada achega, grande ou pequena, é fundamental para facer fronte ao enorme esforzo económico e organizativo que supón levantar este festival.
Grazas por seguir confiando en nós.
Vémonos na próxima edición. ❤️