22/07/2026
Deixámosvos toda a información do cuarto concerto do Festival. Lembrade que xa podedes comprar os abonos e entradas en www.festivalateneobarroco.gal, con descontos para os menores de 30 anos e ateneístas.
O dúo ARC & VOLTA protagoniza o cuarto concerto do ATENEO BARROCO 2026 (Salón Teatro de Santiago de Compostela, martes 13 de outubro) cun suxestivo programa barroco francés para violas de roda e violas de gamba titulado “Chorea secundum Galliam: A música de María Leszczyńska, raíña de Francia, intérprete de zanfona”.
Concibido a partir do repertorio francés do século XVIII para viola de roda e viola de gamba e interpretado con criterios históricos, o programa Chorea Secundum Galiam ("danza segundo Francia") de Arc & Volta evoca o espírito galante e pastoral que na corte de Versalles, coa música e a danza, buscaba recrear unha Arcadia ideal como símbolo de harmonía, sinxeleza e felicidade refinada. Ao tempo que recupera a figura musical de María Leszczyńska, muller de Luis XV, raíña de Francia e tamén intérprete de zanfona. No século XVIII, a viola de roda (vielle à roue) pasou de ser un instrumento popular asociado aos cegos e ao mundo rural a converterse tamén nun instrumento de moda entre a aristocracia.
O compostelán XURXO ROMANÍ, músico centrado na música tradicional e a música histórica, e a gambista ANNA CASADEMUNT presentan no Festival Ateneo Barroco o seu proxecto Arc & Volta cun programa de autores franceses pouco coñecidos nos nosos días como Delavigne, Boismortier, Montéclair, Anet ou Chédeville que nestas danzas, sonatas e composicións recrean este universo sonoro no que o popular está moi presente e que representa unha parte do gusto musical francés.
As entradas para os concertos e os abonos do Festival Ateneo Barroco 2026 están dispoñibles en www.festivalateneobarroco.gal.