24/12/2025
Poñer a mesa:
unha decisión de futuro
A compra local, a compra de proximidade e os alimentos “non viaxados” son moito máis ca unha elección gastronómica: son unha maneira de decidir que futuro queremos para a nosa cidade e o noso territorio.
Cada vez que escollemos onde mercamos e en que investimos o noso diñeiro, estamos tomando decisións de futuro.
Se mercamos localmente, o diñeiro queda na comunidade: empoderamos o territorio, reforzamos a súa autonomía e apoiamos proxectos que defenden a identidade, a lóxica e a sustentabilidade da nosa contorna.
Mantemos vivo un tecido social esencial, porque arredor da compra tamén xorden relacións, vínculos e coidados compartidos. A pregunta é: que futuro de cidade e territorio queremos? A nosa compra tamén é unha resposta.
Temos un poder que debemos exercer con responsabilidade.
Cómpre lembrar que todo isto tamén forma parte dun discurso de privilexio. Non todo o mundo pode decidir onde merca, que merca e por que o merca. Non todas as economías familiares poden deixar de priorizar o factor económico na compra diaria.
Porén, en Santiago aínda podemos defender o Mercado de Abastos e o seu barrio como un espazo onde atopar produtoras e produtores que venden directamente, sen intermediarios nin especulacións sobre o alimento.
Un mercado aberto a todas as economías, un lugar de intercambio económico e de saberes.
A publicidade e o márketing ensináronnos antes a cociñar produtos viaxados e preelaborados que os propios alimentos do territorio. Pero ninguén sabe máis sobre o alimento que quen o produce directamente. Aproveitemos ese coñecemento para mercar e para cociñar.
Mercar directamente ás produtoras permítenos acceder a alimentos con máis nutrientes, con menos empaquetado e menos residuos. Permítenos coñecer a realidade dos proxectos, saber que son sostibles, que respectan o medio, os tempos e as persoas.
Non podemos esquecer que precisamos apoiar o campo: se ninguén vive nel, será espoliado.
Instalación vegetal .scq
Arte en la mesa Inspiración pensamiento crítico Producción