20/05/2025
A BANDA DE MÚSICA DO GROVE TRAE A MÚSICA DE CINE AO AUDITORIO ESTE SÁBADO
[Todogrove 20/05/2025]
O Auditorio Municipal do Grove acollerá este sábado 24 de maio, ás 21:00 horas, o Concerto de Primavera da Banda de Música do Grove, baixo o título “Música de Cine”, unha proposta que promete ser unha viaxe inesquecible polas bandas sonoras máis emblemáticas da historia do sétimo arte.
Baixo a dirección de Víctor Fernández, a banda interpretará obras de John Williams, Hans Zimmer ou Howard Shore, entre outros, con temas de películas como Harry Potter, Titanic ou O Señor dos Aneis. O espectáculo contará coa colaboración de Élite Escuela de Danza e coas voces de Laura Losada, Álvaro Iglesias e Martina Castro.
A proposta combinará música en directo, proxeccións audiovisuais, danza e interpretación vocal, converténdose nun evento familiar pensado para achegar a música bandística a novos públicos a través da linguaxe universal do cine.
As entradas teñen un prezo de 8 euros e poden adquirirse en Bambi Zapatería Infantil, EssenzialHOME, Copyman e no propio auditorio o día do concerto. Dada a previsión de alta demanda, recoméndase mercalas con antelación.