As Nosas Músicas nace en 1996 en Couso da man da Asociación A Xesteria, como unha celebración en homenaxe á música tradicional galega e coa intención de dar unha alternativa ás festas animados por orquestras. Todo comezou hai 19 anos, cando varios membros/as da asociación, integrantes da comisión de festas da parroquia decidiron cambiar o modelo e probar sorte noutra área, a da música tradicional
de Galiza. Deste xeito, procuraron un tipo de festa que agradara a nenos e adultos, ofrecendo algo novo para Couso e o resultado foi positivo dende o principio. En cada edición, As Nosas Músicas congregaba durante unha noite a preto de 3.000 persoas, incluíndo veciños/as e visitantes. Dende entón, este evento convértese nun compromiso na axenda dos estradenses e de moitos visitantes, o que fai que ano tras ano este festival se consolide. Co tempo, o evento foi engadindo actuacións, e actividades complementarias relacionadas ca música e baile tradicionais, un claro exemplo son os obradoiros, que ademais de enriquecer a festa, axuda a que non se perdan e se conozan distintas artes populares. Con todo isto, As Nosas Músicas, convértese nun día e nunha noite de diversión, tradición e compañeiros que rematan tocando e bailando todos xuntos no campo da festa.